Á páxina de inicio das Redes Escarlata

Vidal Bolaño. Lavacolla. Pallasos en rebeldía.

Xosé Luís Santos Cabanas

Souben por Paco Fernández Rei que o xurado do Vidal Bolaño se reuniu, para adxudicar o premio deste ano 2010, na Lavacolla, nun restaurante case pegado á vella fábrica de curtumes.

Lavacolla. O lugar apaña o nome do río (será ao revés?) asociado a lavados rituais: Prisciliano no camiño?

Lacavolla. Anaco de posguerra, ao pé da lareira, casa de labregos pobres. Nai e fillo en tempos escuros. Fame. Anos corenta:

-Manuel, come o caldo.

O caldo son unhas poucas verzas bravas na augha onde ferveu un aire cativo de unto. O neno ten aborrecido aquel sabor cotiá.

-Iso non é caldo, que é augha, mi madre!

O neno refúxiase debaixo da mesa. A nai apaña o varredoiro de xesta para lle dar con el ao fillo, aínda que sexa nos fociños, e botalo do seu agocho defensivo. Hai que comer. Bérralle, retranqueira:

-Augha coma esta non che pasa polo río da Lavacolla!

Mais o neno non cala:

-Non, mi madre, non! Tan quente non!

O nome oficial do río, Sionlla, coincide co de tres lugares: Sionlla de Arriba, Sionlla de Abaixo, da parroquia de Enfesta, e A Sionlla, da fregresía de Sabugueira. Despois dun percorrido sinuoso, o Lavacolla-Sionlla verque as súas augas troiteiras, máis frías co caldo de posguerra, pero máis quentes co frío da derrota, no Tambre, xa nas terras de Verdía.

Lavacolla. O lugar acabou dándolle nome ao aeroporto, e tende a substituír o propio nome da parroquia: Sabugueira. (Polo nome do río, pola proximidade á estrada, pola importancia da vella fábrica de curtumes, polo campo de concentración nas ruínas desa mesma fábrica?)

Do campo de concentración dise que foi o máis poboado de Galicia, ateigado de moreas de presos republicanos que a pico e pa, esfameados, enfermos, cheos de piollos, con sarna, achairaron os terreos do futuro aeroporto, que tamén se chamaba O Campo (de aviación?). Antes medraba por alí moi ben o ourego, dicía miña avoa, herba que sempre formou parte indispensábel do adobo dos chourizos da casa na Lavacolla-Sabugueira.

Desde a fábrica de curtumes saían os presos en ringleiras arrastrando os seus corpos derrotados, a cavar de sol a sol. E nacería aí a cántiga, que se canta co retrouso de na beira, na beira, na beira do mar...:

Ai se vas a Lavacolla/o primeiro que se veie/ é un pico e unha pala/e un porrón... para bebere

e a estrofa máis dura terá que ver cos carcereiros, cos militares trunfadores:

Ai se vas á Lavacolla/ai non leves a mullere/ai que hai moita xente mala/ e ai pó... dencha fodere

Na República floreou en Sabugueira unha activa sociedade agraria, da que por sorte sabemos algo. Daquela a fregresía pertencía ao Concello de Enfesta, anexionado polo de Compostela no 62. Os poderes municipais do fascio de Enfesta, ou non miraban papeis, ou tiñan un infiltrado que coidou deles. O caso é que o arquivo municipal pasou a Compostela, despois da anexión. Amoreouse en Raxoi, e pasou despois ao arquivo universitario. E así conservamos as actas da Sociedade Agraria de Sabugueira, e fícanos constancia de como estaban representados nela, maioritariamente, os estratos inferiores do campesiñado, de como presentaban protestas contra dunha mestra que maltratou unha nena, de como mantiñan relación coa sociedade agraria de Lavadores, de como Suárez Picallo foi un seu conferenciante invitado. Estaban subscritos a A Nosa Terra desde o 32.

Tócame de cerca: un dos socios máis activos e novos foi o seu case permanente secretario, José Cabanas Vigo, ou sexa meu avó. Souben non hai moito que zafou da morte na gabia pola intervención directa de quen exercía de xuíz naquelas circunstancias en practicamente todas as parroquias: o cura. O de Sabugueira mandoulle aos falanxistas da cidade que deran media volta, díxolles que el non precisaba axuda para coidar a súa parroquia.

Non obstante, non por iso chegou a pisar a igrexa, nin meu avó nin miña avoa, nin o día da festa, coa excepción de casamentos e enterros, e sempre hai un adro para falar cos veciños sen necesidade de entrar no recinto relixioso. No cuarto novo da casa da aldea de San Paio, ao norte do lugar da Lavacolla, perto do Campo, quizais o primitivo núcleo parroquial, foi onde nacín, onde durmín no berce máis marabilloso do mundo, que meu avó, tamén carpinteiro, armara coas súas propias mans. Xa pasou algún tempo dende aquela, e teño como proba un papel que me mandou hai dous días a chamada Tesourería da Seguridade Social, no que di, e saíulles o número redondo, que levo 14.000 días cotizados a non sei que data do pasado mes de abril, e vou ter que lles pedir que revisen: faltan por anotar tres meses navegando como mozo de cuberta, e xa non imos falar dalgúns traballos de neghro sen seguro.

Desculpade a lonxitude do correo. Mais que Vidal Bolaño, que padeceu a canda min o ensino nacional católico nunha coñecida escola de Compostela (el ía uns cursos máis adiante, pola idade), e que os Pallasos en Rebeldía de Iván Prado cheguen, da man do xurado do ano 2010, a esas terras onde rebolen as miñas raíces e as lembranzas do pasado escuro que eu respirei, pois o seu aroma estendíase mesto polo aire do meu entorno, á beira dun importante anaco do meu propio pasado do que non vén ao caso falar aquí, mais que vai lenta lentamente tinguindo de lembranzas estas liñas que escribo.... O Vidal Bolaño na Lavacolla, fregresía de Sabugueira, faime deitar en fervenza silandeiras emocións.

Permitinme partillalas con todas e todos vós, se quixestes chegar ata aquí, e van na memoria do meu avó e da miña avoa, labregos pobres e dignos, protagonistas de historias que deben ser contadas noutra ocasión.

Hoxe só debo engadir a despedida:

Lavacolla. Sabugueira. Vidal Bolaño. Pallasos en Rebeldía. Iván Prado. Viva Palestina.


P.S. Como é sabido, Iván Prado, de Pallasos en Rebeldía, e a súa compañeira de viaxe, Laila T.Q, galega de apelido árabe, foron retidos no aeroporto Ben Gurion, de Tel Aviv, a finais de abril de 2010, e expulsados do país. Foilles imposible chegar a Gaza, onde pensaban traballar na preparación do Festiclown Palestina 2010. Veuse, pouco tempo despois, como o Estado de Israel mesmo é quen de asasinar civís desarmados en augas internacionais, con tal de impedir que cheguen produtos de primeira necesidade a Palestina. Coa expulsión de Iván Prado e da súa compañeira, ponse en evidencia que os sionistas tamén perseguen a entrada do sorriso nos territorios que eles someten, por terra, mar e aire, a un permanente estado de sitio.





Tecedeira Escarlata

Xosé Luís Santos Cabanas
Foto do Autor
Todos os seus artigos