O COMPLEXO LINGÜÍSTICO: E EU QUE PODO FACER?
Ana Mª Outón Barral
Se cadra moitos de vós xa sabedes perfectamente a que me refiro con isto do ‘complexo lingüístico’, ben porque o sufristes nalgunha ocasión, ben porque llo vistes padecer a alguén. Outros quizais adoezades desta terrible enfermidade sen saber nin sequera que a tendes; e o máis grave das doenzas é que se non sabemos que a padecemos, non nos podemos tratar. A mellor arma contra as enfermidades en xeral, e sobre todo contra as máis graves, xa nolo din os médicos, é o diagnóstico precoz. Lembremos que o diagnóstico consiste basicamente en poñerlle nome ó que nos pasa. Se non o descubrimos a tempo é probable que permanezamos cun mal crónico que, poderemos, no mellor dos casos, manter engaiolado con algunhas receitas.
Agora mesmo estamos nunha época na que vén moi ó caso falarmos disto. Xa sei que moitos de vós estaredes pensando que me refiro á actual situación política: o decretazo, Galicia Bilingüe... Pero non é este o caso, refírome á tempada pre-estival. O outro día oín nun telexornal que por estas épocas aumentaban considerablemente as inscricións nos ximnasios. Isto débese ó fenómeno, amplamente coñecido por todos e todas, que se deu en chamar ‘operación bikini’. Como ben sabedes, esta operación secúndana os acomplexados polo seu físico; é dicir, van ó ximnasio, para perder o suposto peso de máis ou endurecer as supostas zonas brandas, aquelas persoas que, tendo quilos de máis ou non, estando fofos ou non, teñen complexo.
No ámbito da psicoloxía vense definindo complexo como ‘un conxunto de tendencias, ideas e emocións que perturban o comportamento dun individuo”; é dicir, que algunhas cousas que pensamos ou sentimos altérannos de tal xeito que nos impiden comportarnos con normalidade, como nós somos.
Traspasado isto ó problema co físico, diriamos que temos un complexo cando, pensando que estamos gordos, por exemplo, vestimos roupa de talles superiores ós nosos para disimular, nos encurvamos para agochar a barriga, agochamos a cabeza para que non nos vexan, etc., ou, falando da operación bikini, imos ó ximnasio e botamos alá horas e horas para enmagrecer. E fixádevos que dixen ‘pensando que estamos gordos’, e insisto nisto porque non se trata de estar ou non estar gordo, senón do que nós pensamos.
Hai moitos tipos de complexos que tratan os psicólogos. Nos dicionarios habituais podemos ver que falan de ‘complexo de Edipo’, ‘complexo de Electra’, ‘complexo de inferioridade’, ‘de superioridade’...; no entanto, é difícil atopar aqueloutro de ‘complexo lingüístico’. E entón, que é isto? Vulgarmente a xente vén falando de ‘vergonza’ a falar, no noso caso, en galego. Efectivamente trátase tamén diso, pero non só. A vergonza é, digamos, un primeiro estadio da enfermidade que nós mesmos podemos controlar cun pouco de vontade e, quizais, con algunha axuda. O mal vén despois, cando a vergonza vai en aumento e chega a perturbar o noso comportamento: xa non somos nós, xa non facemos o que normalmente fariamos. Nalgúns casos as persoas pasan a levar unha dobre vida e xogan coa súa identidade: son galegofalantes na casa e castelanfalantes fóra dela. Os problemas veñen cando os dous mundos se cruzan, cando por un motivo ou outro, a xente da miña vida A coincide coa xente da miña vida B. E agora que fago? Uns non saben que eu falo en galego; os outros non saben que falo en castelán. Que facer? Calquera das opcións tomadas será traumática para o falante: quedará (ó seu modo de ver) mal con uns ou cos outros. En moitos casos, e atreveríame a dicir que na maioría, isto resólvese en favor do castelán, coa conseguinte perda absoluta de identidade. Co paso do tempo o noso cerebro, para curar a ferida, como adoita facer, agocha moi no fondo esa parte da nosa vida ata facela desaparecer.
Vexamos agora cales son as respostas máis comúns que se dan ante unha incipiente enfermidade. Volvamos, para explicalas, á comparación coa ‘operación bikini’ e os complexos físicos.
Remedio 1: síntome gorda e decido mercar unha faixa milagreira destas que venden por teletenda. Resultado: os demais pensan que adelgacei, que estou estupenda. Problemas cando a poño: non respiro ben, téñome que sentar tesa, a circulación dificúltaseme..., e, o peor de todo, eu sei que esa que os demais ven non son eu, que o que están a ver non é a realidade. O meu comportamento viuse perturbado.
Levemos agora isto ó campo da lingua: dáme vergonza falar galego e decido vestir por riba o castelán. Resultado: creo que os demais me aceptan mellor, que lles gusto máis. Problemas: teño que traducir o que penso, debo estar moi alerta para que non me escape nada en galego, síntome incómoda coa miña familia, as palabras que digo non as sinto... Unha vez máis, o meu comportamento viuse perturbado, xa non son eu mesma.
Remedio 2: véxome gorda, pero non estou disposta a facer un gran sacrificio, así que merco unhas cantas cremas contra a celulite e algunhas pílulas de adelgazamento. Resultado: pensamos que estamos facendo algo para enmagrecer cando en realidade non conseguimos nada. Problemas: non consigo solucionar o que me preocupa e estou xogando coa miña saúde.
Vaiamos á lingua: dáme vergonza falar galego pero non estou disposta a pasar polo trauma de ter que lle falar en castelán a todo o mundo, así que decido ‘falar segundo me falen’. Se me falan en galego, respondo en galego; se me falan en castelán, respondo en castelán. Resultado: cando estou cun grupo de xente que falan as dúas linguas son incapaz de manter unha conversa; cando teño que ser a primeira en falar non sei en que falar. Problemas: non consigo solucionar nada porque continúo tendo vergonza a falar en galego e estou impedindo o desenvolvemento normal da miña personalidade.
Remedio 3: véxome gorda e decido ir ó ximnasio horas e horas para queimar toda a graxa. Resultado: quedo nos ósos. Problemas: sígome vendo gorda (porque recordemos que o problema está no noso punto de vista) e corro o risco de padecer anorexia.
Levémolo á lingua: dáme vergonza falar galego. Neste caso especifiquemos: porque o falo moi mal. Decido poñerme a estudar moito o galego normativo para non cometer ningún erro. Resultado: falo un galego excesivamente culto en tódolos contextos e non me atopo cómodo en case ningún. Problemas: ségueme dando vergonza falar ‘o meu galego’ e perdo capacidade comunicativa por non saber adaptar os rexistros a cada contexto lingüístico.
Remedio 4: véxome gorda pero non quero facer nada; por iso decido facerlle crer ós demais que me dá igual, que paso de todo. Resultado: os demais, sen sabelo, din ou fan cousas que feren os meus sentimentos. Problemas: sígome vendo gorda e agora os meus amigos non teñen tacto ningún comigo. Síntome peor e cada vez teño que disimular máis.
Vaiamos á lingua: dáme vergonza falar en galego porque o falo moi mal, pero non quero levar traballos e intento facerlle crer ós demais que me dá igual. Resultado: algúns amigos corríxenme, outros rinse de min. Problemas: sigo coa vergonza de falar galego e habitualmente rifo cos amigos polas súas críticas.
Ata aquí os 4 remedios malos máis comúns. Agora vén aquilo de “e eu que podo facer?” Por unha banda refírome a ‘que podo facer se eu teño complexo?’ e, pola outra, a ‘que podo facer se coñezo a alguén que ten complexo?’
Que podo facer se eu teño complexo?
En primeiro lugar, o máis importante, como xa dixen ó comezo, é a diagnose: debemos recoñecer que temos este problema. O segundo, e tamén moi importante, é ter vontade de cambiar, de sandar. Deberemos analizar o noso pensamento e descubrir en que ocasións pasamos vergonza e porqué. Os psicólogos recomendan en problemas similares levar un pequeno diario no que anotemos estas situacións e o que nos fan sentir.
Despois dun tempo autoanalizándonos, convén ir punto por punto, amodiño.
Se o noso galego ten moitos erros, é bo que intentemos corrixilos. Para isto podemos botar man de distintos manuais de galego. Na páxina da SXPL podemos acceder a algúns deles, baixalos en pdf, facer os exercicios que nos propoñen e corrixilos polo libro das solucións. É parecido a facer encrucillados; mesmo o podemos facer na cama antes de ir durmir para coller o sono. Para localizalos en internet, chega con poñer en google ‘manuais galego’ e o primeiro enlace que nos ofrece xa nos leva a esta páxina da SXPL. Tamén temos á nosa disposición cursos de galego a través da rede, como e-galego ou galingua; o primeiro en liña, o segundo, para descargar e usar no computador. E, por suposto, se aumentamos a lectura de libros, xornais, revistas ou calquera cousa en galego, o noso idioma mellorará considerablemente.
Dominar ben a nosa lingua daranos moita forza e seguridade para continuar con este proceso. O próximo punto inevitable é comezar a falar galego alí onde non o facía. Pero, como?, por onde comezar? Pois polos descoñecidos, por aquelas persoas que non nos importan. De seguro que somos capaces de preguntarlle a hora en galego a alguén que vai pola rúa, pois este será o primeiro paso: descoñecidos que temos pouco tempo diante. O segundo será dirixirse a descoñecidos que imos ter máis tempo diante, como o camareiro dun bar ou dun restaurante. Logo a aqueles que descoñecemos pero que imos manter unha conversa con eles, como nun centro médico agardando a nosa quenda, que poden pasar mesmo horas. A continuación, descoñecidos con posibilidades de entrar no noso círculo de amizades.
Mentres estamos neste proceso é bo que llelo digamos ós máis achegados, familia ou amigos. A pesar de que con eles aínda non falemos en galego, este é un bo xeito de ir preparando o camiño.
O seguinte paso será falar en galego cos máis íntimos, amigos de nivel 1. Como tales amigos de verdade respectarán a nosa decisión e apoiarannos e, se non é así, deberemos sospeitar que non son amigos de verdade.
Unha vez teñamos dominado todo isto, chega o momento máis difícil: falar en galego cos amigos de 2º, de 3º e demais niveis, con todos aqueles coñecidos cos que antes falabamos castelán. Deberemos estar preparados para caras de sorpresa, risas, bromas, comentarios desafortunados e mesmo ferintes; pero non o esquezamos: estamos a piques de conseguir o que queremos. Se nos mantemos firmes na nosa decisión e todos ven que imos en serio, pouco a pouco, as bromas e demais comentarios irán cesando.
Para este proceso todo recomendo, para aqueles máis avergoñados, que usen a modo de ponte o galego normativo, aínda que se vexan limitados en rexistros. Pasado un tempo, cando xa se sintan cómodos coa súa condición de galegofalantes, é o momento de enriquecer a lingua con rexistros, de recuperar a riqueza dos seus dialectos, limpos de castelanismos; é o momento de recuperar a liberdade, a liberdade de poder ser un mesmo, de sentirse cómodo e moi a gusto co que un é, de sentirse auténtico e real.
Durante este proceso todo é posible que, ó igual que quen está tentando deixar de fumar recae cun cigarro nun día malo, tamén nós nos vexamos nunha situación semellante; pero ese non é un motivo para abandonar, non nos rendamos, nin nos sintamos mal por iso, é algo normal. Non o esquezamos, a recompensa é o pracer de recuperar a nosa identidade.
Que podo facer se coñezo a alguén que ten complexo?
Ás veces, polo ritmo de vida que levamos, esquecemos que somos animais sociais e que vivimos en sociedade: necesitamos os uns dos outros para poder sobrevivir. Tendo en conta isto a resposta parece do máis lóxica: que podo facer se alguén ten problemas?, pois axudalo.
Xa está ben de ver caer xente ó noso arredor e non botarlle unha man, xa está ben de cruzarnos sempre coa mesma persoa no mesmo lugar e á mesma hora do día, e non saudala. Volvamos á socialización, o mundo estao pedindo a berros; sexamos humanos para facer honra ó noso título de especie.
Se coñecemos a alguén que está comezando este proceso de cura, e nós xa pasamos por el, ofrezámoslle a nosa experiencia, compartamos os problemas que tivemos no camiño e o modo en que os salvamos. Se se dá o caso de que tamén nós estamos comezando o noso proceso, ofrezamos a posibilidade de curarnos xuntos, de superar xuntos os mesmos obstáculos.
Se coñecemos a alguén que está no medio do proceso, non esquezamos as palabras de ánimo, nunca sobran. Se coñecemos a quen xa rematou, felicitémolo e escoitemos a súa historia contada seguramente con moito orgullo. Se coñecemos a quen aínda non se decidiu, axudémoslle a ver o que pode conseguir, a ver a recompensa que vai ter.
Que bonito é cando algún deses que usan cremas contra a celulite e pílulas de adelgazamento nos responden en galego e entón nós dicímoslle, cun suave sorriso, aquilo de “Pero que galego tan bonito tes” ou “Que gusto dá oírte falar galego” e devólvennos simplemente outro sorriso. O sutil tantas veces é o máis efectivo.
E cando nos sintamos desbordados, cando non saibamos como axudar nin como ser axudados, non esquezamos que podemos e debemos acudir a expertos; e con isto refírome ós SNL que temos á nosa disposición en concellos, colexios e universidades, á MESA pola normalización lingüística, á asociacións como Queremos Galego ou ProLingua, entre outras. Nestes lugares hai persoas que nos poden axudar dándonos información de todo tipo, desde cómo facer para mellorar o noso galego ata como defender os nosos dereitos lingüísticos con material lexislativo cando é preciso; ou simplemente escoitarnos e comprendernos cando non se pode facer outra cousa.
Queridas amigas e amigos, creemos un eido, en honor ós eidos de Uxío Novoneira, xa que este é o seu ano, onde plantemos unha sociedade humana nova, de irmáns que se dan a man, que se escoitan, se comprenden, e se axudan os uns ós outros nos tempos máis difíciles para poder saír deste cativerio e non perder a nosa identidade; para poder ser aquilo que en verdade somos des que nacemos, para poder ver a luz cos nosos propios ollos, para poder simplemente SER.